jueves, 30 de septiembre de 2010
Adeus New York, Ola New Orleans. Uns primeiros días de película.
6 da mañá, érgome a toda présa e dúchome. Vou ao Dunkin Donuts. Tomo un muffin, un café e un zume de laranxa. Saímos do hostal rapidamente. Entramos no metro. Imos a Penn Station. Chegamos, entramos nun tren que nos levará ao aeroporto de Newark, colocamos as maletas. Pero non se move. Esperamos. Esperamos, os minutos pasan. Avariado. Saímos, apresurados coas nosa equipaxe e cambiamos de tren. Permanecemos á espera uns 15 minutos. E, por fin, arranca.
Chegamos ao aeroporto. Collemos o airtrain. Por fin estamos na terminal C. Facturamos a equipaxe. Control de pasaportes, unha longa cola diante nosa. Descalzámonos, quitamos os cintos, sacamos os portátiles e apresuramonos. Embarcamos. O avión despega e nós, durmimos. Despois de 3 horas aterra. Recollemos as maletas e agardamos. Esperamos ata que chega unha profesora que nos indica que temos que subirnos a un autobús para ir á escola.
Ao saír do aeroporto, ao lonxe, vemos o típico autobús escolar norteamericano. Amarelo. Subimos e amontoamos as maletas nos asentos. O autobús arranca e observamos todo ao noso redor: primeiro a zona industrial, naves. Despois as casas de madeira de cor pastel, cun certo aire colonial que recorda ao French Quarter, e por útimo, a escola, e, os nosos host students agardando por nós. Baixamos e recóllennos.
Monto nun coche, e, 5 minutos despois chego á súa casa. Entro, saúdo a todos e subo ao meu cuarto. Desfago as maletas, falo con meus pais, escribo unha entrada no blog e baixo. Vexo un pouco a TV e chámanme para cear. Sirvome carne, millo, ensalada e jambalaya, un prato típico de Louisiana que presenta influencias francesas e españolas e é similar á paella. Ceo.
Despois lávome os dentes, baixo e prendo a TV, outra vez. Os Simpsons. Cabeceo, estoume a durmir! Son as 7 e media, isto de non durmir ten as súas consecuencias! Subo, dúchome, métome na cama e durmo.
7 da mañá, esperto. Vístome, e baixo a almorzar: french toasts (torradas) e café. Saio e entro na Isidore Newman School. Despois de camiñar por un labirinto de corredores chego a unha sala onde están todos os meus compañeiros e Natasha, que nos deu un dossier coas diferentes actividades que realizaremos e horarios.
Posteriormente unhas alumnas do centro ensínannos a escola. Recíbenos un precioso edificio de estilo colonial. Alucinante; coma nas películas: un gran auditorio, cancha de baloncesto, piscina, campo de fútbol... Despois os nosos host students recóllennos e imos con eles ás clases. Fun a matemáticas, a inglés, onde debatiron sobre o libro Apuntes do subsolo, de Dostoyevsky. Máis tarde fomos á asemblea, onde nos presentaron. Despois asistín a clase de español, con Natasha, onde falaron das antigas civilizacións latinoamericanas, ciencias do medioambiente...
Por último, vou comer á cafeteira e encóntrome cos meus compañeiros. Conversamos unha miga. Despois tiven hora libre con Xurxo, Paula e Jesús. Demos unha volta polos arredores do centro e falamos cunhas rapazas que estaban sentadas nunha das mesas do patio. A última clase que tiven foi historia dos Estados Unidos, onde se proxectou unha política relacionada coa inmigración mexicana en América.
Ao chegar á casa, conéctomeme un rato no Skype, mirei o correo electrónico, estou un rato no blogger e fago deberes de física e química. Vexo a televisión, e ceo. Peixe e outra vez, jamblaya. Parolo un pouco coa miña familia americana e volvo ao ordenador.
Polo de agora a miña estancia en New Orleans esta a ser moi interesante, xa que estou a coñecer moitas persoas, a practicar inglés e a aprender diferentes cousas sobre a vida diaria neste país. Unha que me chamou moito a atención é que se poida comer nas clases. Creo e sei que estas vivencias van ser inesquecible para todos. Esta está a ser unha experiencia de película.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario